A CLASIFICACIÓN DE DEMANDANTES DE EMPREGO
A clasificación comenzou no ano 2009 para mellorar e actualizar a inscrición dos demandantes de emprego, modernizar as bases de datos do SPEG e mellorar a súa efectividade de cara á intermediación laboral.
Nun principio, e supoño que esto variaría en función das características e o volume de público de cada Oficina de Emprego, había unhas prioridades de clasificación que foron ampliándose a medida que aumentaban as demandas clasificadas.
Así, non tiñan prioridade as demandas abreviadas (as persoas que van a facer o "darde" porque llo pide o empresario que o vai contratar próximamente), os demandantes doutros servizos (ós que non lles interesa intermediar) nin as melloras de emprego.
-Aquelas persoas que se inscriban por primeira vez e que buscan traballo activamente
-Os demandantes que acaban de perder o seu traballo.
-Os que teñan ocupacións dubidosas ou niveis profesionais pouco claros
-Aqueles con ocupacións solicitadas relacionadas con titulacións oficiais.
-Os que teñan unha dispoñibilidade que precise unha valoración.
-Demandas incompletas ou que levan moito tempo sen actualizar.
-Colectivos con dificultades de inserción
-Os demandantes que soliciten ocupacións moi ofertadas, etc.
A miúdo os demandantes descoñecen a importancia que ten a clasificación porque non saben como funciona a intermediación coas ofertas de emprego.
Para xestionar unha oferta hai unha aplicación informática onde o xestor da oferta vai marcando os filtros que lle interesan segundo a solicitude que fai o empresario.
Pódese facer a sondaxe por ocupación ou por formación (en función do que estemos buscando utilizaremos unha ou outra).
Un exemplo: Temos unha solicitude de oferta dun dependente de panadería con 12 meses de experiencia e con carné de conducir B1.
A sondaxe faráse pola ocupación con 12 meses de experiencia e o carné B1.
Se as demandas non están actualizadas poden quedar fóra dos resultados da sondaxe demandantes que teñan a ocupación e a experiencia se non está esta última repercutida . E o mesmo pasa se teñen carné pero non está posto na demanda.
Tras o "emparellamento" da oferta temos como resultado unha serie de candidatos (5 por posto, por regra xeral). Se hai candidatos suficientes pola zona de busca obteremos : 5 candidatos, outros 5 de reserva e poden aparecer tamén candidatos ponderados. Os ponderados son os que non cumpren ó 100% as condicións que puxemos na oferta.
Dáselle á persoa unha cita de clasificación e un cuestionario para a determinación da dispoñibilidade, que traerá cumprimentado o día da cita.
Ademais deberá aportar a seguinte documentación:
-Vida laboral actualizada ( ou, de ser o caso, nóminas ou contratos se hai irregularidades nos niveis profesionais)
-Títulos de formación académica orixinais.
- Cursos de formación. O demandante aporta os que considere importantes aínda que recibe o asesoramento do clasificador. A aplicación non admite máis de 50 cursos.
-Acreditación de idiomas
-Outros coñecementos
-Carnés profesionais
-Permisos de conducir
-Coñecementos informáticos
-Tamén podemos incluír traballos no estranxeiro que estén sen acreditar (por suposto noutro apartado distinto da experiencia acreditada e dito apartado non intermedia)
-Así mesmo aquelas prácticas non remuneradas que estén relacionadas coa titulación do demandante podemos reflexalas na experiencia profesional sinalándoas como prácticas.
O ideal sería consultar previamente a demanda, antes da entrevista para obter unha valoración
Un dos aspectos máis importantes da clasificación son as ocupacións solicitadas.
Podemos ter como máximo 6 . É básico ter en conta a adecuación da persoa ós requisitos das ocupacións en cuestión. Debemos observar a experiencia e a formación específica para cada ocupación.
Hai certas ocupacións que sólo se poden solicitar se tes formación ou se tes experiencia.
Exemplo: non podemos poñer fisioterapeuta se non posuímos a titulación.
Ou non poñeremos albanel, oficial 1ª a alguén que nunca desempeñou ese nivel durante a súa vida laboral.
Non deberemos incluír ocupacións coas que o demandante non se sinta identificado.
Tamén podemos sinalar que, se o demandante reúne os requisitos, recomendarémoslle que nos niveis profesionais abarcaremos o abano (desde o mínimo ao máximo) porque así ten máis posibilidades de intermediación.
Agora imos pasar aos dous conceptos fundamentais da clasificación: empregabilidade e dispoñibilidade.
A EMPREGABILIDADE
Ven determinada en función da formación e da experiencia que posúa o demandante para cada das ocupacións solicitadas.
Non inflúe na intermediación.
A empregabilidade ven determinada pola seguinte regra:
Moi baixa: Se a persoa non ten nin experiencia nin formación nesa ocupación.
Baixa: Sen experiencia, sen formación, cun curso ou IPI.
Normal: Cando ten formación sen experiencia, ou sen formación pero con experiencia i-
gual ou superior a 2 anos.
Alta: Con formación e experiencia como mínimo de 2 anos nos últimos 10 .
Moi alta: Con formación e experiencia , como mínimo de 2 anos nos últimos 5.
Debemos puntualizar que nunha ocupación distínguense estes apartados:
- A ocupación (recollida no CNO- Catálogo Nacional de Ocupacións)
- A data de solicitude da ocupación. A data de solicitude intermedia nas ofertas públicas,
nas ofertas por subvencións de cooperación)
-Experiencia (contabilizada en meses)
-Nivel de empregabilidade.
-Nivel profesional.
A DISPOÑIBILIDADE
É o indicador que valora o nivel de dispoñibilidade que ten o demandante ponderando o INTERÉS en atopar emprego e as POSIBILIDADES de acceder ao mesmo, en función das súas circunstancias ou limitacións persoais.
Debemos indagar sobre a disposición, limitacións, necesidades, interés real en atopar traballo; estilos de busca de emprego, causas externas ou internas do desemprego...
A dispoñibilidade é única para todas as ocupacións.
SI, intermedia na xestión de ofertas (hai unha opción específica para eso, se se quere).
Cambia, segundo cambien as circunstancias.
Sólo vale internamente para o SPEG.
Non ten incidencias a efectos de sanción.
Os tipos de dispoñibilidade son:
MOI BAIXA: Non é perceptor de prestacións. O fin non é o emprego (Ex.demandante doutros servizos)
BAIXA: Non é perceptor. Establece limitacións. Pretensións altas.
NORMAL: Perceptor. Condicións habituais.
ALTA: Perceptor. Quere e pode traballar. Menos limitacións. En disposición de incorporarse en menos de 2 semanas.
MOI ALTA: Perceptor. Quere, pode e necesita traballar. Menos limitacións. Incorporación inmediata. Con mobilidade xeográfica.
Se o demandante percibe prestación é obrigatorio poñer a dispoñibilidade normal.
Poñemos a data da clasificación e revisamos os datos persoais por se ten algún cambio: teléfono, domicilio, correo electrónico.
Por último debemos informar ao demandante da súa dispoñibilidade, e de ser o caso, do seguinte:
-da posibilidade de cambio
-analisar as carencias da demanda e informarlle dos servizos que podemos ofrecerlle : orientación, formación, portal de emprego do SPEG e outras páxinas de internet.
-Renovación da demanda presencial e por internet.
-Obrigas ás que está suxeito e de como pode actuar ante diversas situacións. saídas ao estranxeiro, territorio nacional, enfermidade, etc.
E para rematar déixovos este vídeo que nos amosa unha imaxe diferente dunha Oficina de Emprego
0 comentarios: